Via Iacobitana chega a Pontevedra

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a exposición itinerante “Via Iacobitana”, unha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago realizadas por fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea. 

A celebración da exposición enmárcase no convenio de colaboración asinado por Turismo de Galicia e Viaqua a través do cal xa visitou Santiago de Compostela, Ribadeo, Viveiro e Valdoviño e poderá verse tamén nas cidades de Ourense e Fene.

A mostra permite contemplar a través das imaxes diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade. 

A cidade pontevedresa acolle esta mostra ata o vindeiro 23 de outubro pudendo ser visitada de luns a sábado, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.