Ourense converterase durante tres días na capital mundial do viño

Durante os días 8, 9 e 10 de novembro de 2016, Ourense vestirase de gala para acoller a XI edición do Concurso Internacional Itinerante “Tempranillos ao Mundo” e o “Certame Internacional de Viños Brancos Galegos”. A organización correrá a cargo, de forma conxunta, da Federación Española de Asociacións de Enólogos (FEAE) e a Asociación Galega de Enólogos (AGE) e contará como colaboradora activa coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) dependente do Instituto Galego da Calidade diferencial (INGACAL).

Asemade esta edición conta co apoio e colaboración estreita tanto da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Ourense como da Consellería do Medio Rural, institucións que recoñeceron a importancia de que estas xornadas se celebren por vez primeira en Galicia.

Por outra banda o concurso terá o respaldo institucional da Unión Internacional de Enólogos (UIOE) e o MAGRAMA (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente), institucións garantes desta edición.

O Concurso Internacional Itinerante “Tempranillos ao Mundo” está aberto a todos aqueles viños elaborados a partir da variedade Tempranillo e as súas sinonimias. Ademais, nesta edición, celebrarase de forma paralela o “Certame Internacional de Viños Brancos Galegos” que evidenciará as excelencias das variedades típicas de Galicia.

Tempranillos ao Mundo

O principal obxectivo do Concurso Internacional “Tempranillos ao Mundo” é recoñecer a aqueles produtores que seguen a traballar e apostan pola calidade na elaboración de viños cunha variedade tan representativa como a uva Tempranillo. Ademais de ser o único concurso internacional e itinerante do mundo, “Tempranillos ao Mundo” é o único concurso español que conta co patrocinio da Unión Internacional de Enólogos, ao cumprir coa súa exixente normativa, de xeito que o coloca coma o concurso máis profesional e técnico dos existentes en España.

Certame Internacional de Viños Brancos Galegos

Ademais nesta edición, quérese valorar a todos aqueles elaboradores galegos que apostan por unha elaboración, zona, estilo e personalidade tan marcada coma posúen os viños brancos elaborados en Galicia. A celebración do “Certame de Viños Brancos Galegos” ten espertado un gran interese nas adegas das distintas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia xa que por vez primeira en Galicia competirán entre si viños brancos das diferentes zonas e de distintas variedades, clasificándose en dúas categorías: viños brancos monovarietais e viños brancos plurivarietais. Asemade cada categoría subdividiuse en añada 2015 con ou sen avellentado en madeira e outras añadas con ou sen avellentado en madeira. 

Para a cualificación dos viños contarase cun equipo de catadores de primeiro nivel de experiencia contrastada, encabezado por enólogos de distintas zonas vitivinícolas. 

Ourense, capital vitivinícola de Galicia.

Este concurso dende os seus inicios celébrase anualmente e nun país distinto. Edicións anteriores contaron coma sedes a Copenhague, Colonia, Shanghái, París, Estocolmo, Logroño, Nova York, Toledo, Madrid ou Lisboa.

Na presente edición, e tras o prestixio e recoñecemento acadado a nivel internacional polos viños brancos galegos coas súas variedades máis significativas, considerouse celebrar simultaneamente, un Certame Nacional dos viños da comunidade galega, conxuntamente coa nova edición do Concurso de Tempranillo.

A elección de Ourense coma sede destes certames vitivinícolas por parte da organización, responde ao feito de que esta cidade é a capital da provincia vitivinícola galega por excelencia xa que acubilla a catro das cinco Denominacións de Orixe galegas.

Os organizadores salientan que o evento poñerá en valor, non só a riqueza vitivinícola desta provincia, senón que contribuirá a espallar a marca Ourense, con todas as súas potencialidades, a nivel nacional e internacional dentro do ámbito do viño.

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) será o organismo colaborador que xestione a recepción e clasificación de mostras que desexen participar no Certame Internacional de Viños Brancos Galegos. O prazo para inscrición das mesmas remata o vindeiro 26 de outubro.

Os interesados poderán consultar as condicións de participación así como descargar a folla de inscrición na páxina web da Evega.