O San Froilán deixou uns 12 millóns de euros en Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo este venres un balance dos nove días de festas do San Froilán 2016, que segundo as estimacións deixou na cidade uns 12 millóns de euros, calculando un gasto mínimo de 20 euros por persoa, ademais dunha ocupación hoteleira que colgou o cartel de completo na fin de semana, tal e como informou en rolda de prensa a edil, que estivo acompañada polo secretario da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APHEL), Jacobo García, polo Comisario do Feiral, José Río, e unha participante na feira Gastroarte, Isabel Lozano, de Vinissi, que avalaron o éxito dos festexos mostrando a súa satisfacción pola gran afluencia de público.

“Para o Goberno cumpríronse as expectativas, estimándose a afluencia de máis de 600.000 persoas durante estes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional”, subliñou Basadre, quen definiu ao San Froilán como “un dos factores máis positivos para o movemento económico da cidade”. Así mesmo, a edil fixo fincapé nuns festexos que recuperaron a súa esencia, “con máis xente nas rúas e máis participativa, nas máis de 200 actividades programadas nesta edición”.