O Cuartel de San Fernando como Museo Arqueolóxico Galaico-Romano

Converter o Cuartel de San Fernando no Museo Arqueolóxico Galaico-Romano é un proxecto, iniciado no 2008, atópase parado pois o Goberno Galego non asumiu os compromisos adquiridos para devolver o uso público desta infraestrutura. Este luns a vicevoceira do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, e o voceiro do Goberno do Concello de Lugo, Miguel Fernández, acompañados de representantes de asociacións de veciños, presentaron unha moción que elevarán ao Pleno para esixir á Xunta de Galicia a consecución de inciativa. 

Acudiron o acto representantes de Lugo Patrimonio, Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, a Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, o Club Cultural Valle Inclán e a asociación Abre la Muralla, entre outros.

García Porto subliñou que “dende todas as administracións temos a obriga de pór en valor o patrimonio público. Por iso presentamos esta proposta, porque entendemos que debemos sumar esforzos para dotar o patrimonio dun uso público, buscando o mellor servizo para os nosos veciños. Por este motivo, dende a Deputación e Concello de Lugo levaremos estas mocións ao Pleno para debatelas co fin de buscar unha solución viable a este edificio”. A Vicevoceira lembrou que a realización deste Museo é unha débeda pendente da Xunta cos lucenses, “que esperamos que finalmente se cumpra”.

O Voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández, lembrou que este edificio ten un valor histórico, xa que é unha das primeiras mostras de estilo neoclásico que hai en Galicia. Deste xeito, Fernández destacou que o Cuartel está declarado como Ben de Interese Cultural, o que obriga á Xunta a cumprir coa responsabilidade patrimonial que ten sobre este tipo de edificacións.