Marriot capta talentos no Centro Superior de Hostalería de Galicia

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) acolleu a visita de Marriot que viaxou a Galicia para buscar alumnos que realicen as súas prácticas nos hoteis estadounidenses de esta empresa hoteleira. Foi, de feito, a única escola de todo o país escollida para captar talento por esta empresa hoteleira líder no sector con máis de 4.100 hoteis en 60 países do mundo organizados en 16 marcas.

O bo resultado dos alumnos formados no Centro na compañía estadounidense, que na actualidade conta con 16 alumnos facendo prácticas na mesma, animou a que a responsable do Programa Internacional de prácticas de Marriott, Jessica Rey Dubra, visitara por segunda vez o CSHG.

Así, Rey Dubra, trasladouse desde a súa central en Texas ata Santiago de Compostela para explicar aos alumnos do CSHG a filosofía da empresa e para captar novo talento para os hoteis estadounidenses da empresa. Nesta visita, mantivo unha charla cos alumnos onde explicou que é a firma e a súa filosofía de traballo e mantivo entrevistas cun total de 50 alumnos.

A responsable do Programa Internacional de prácticas de Marriott acudiu acompañada, así mesmo, por un experto en xestión de visados que explicou a todos os interesados todo o que deben facer para non ter problemas de entrada no país. 

Os 400 alumnos que estudan todos os anos no Centro Superior de Hostelería de Galicia fan prácticas todos os anos en xestión hoteleira ou en xestión de cociña en hoteis e restaurantes de prestixio a nivel internacional. Forma parte do seu plan de estudos para darlles unha formación moi próxima á realidade do mercado laboral.