Mahou có Womex´16

Non queda nada para que chegue a Santiago Compostela a vixésimo segunda edición de Womex. Do 19 ao 23 de outubro na Cidade da Cultura e en varios espazos da Cidade Vella, que acollerán a máis de 300 músicos de todo o planeta, entre eles os galegos Radio Cos, Xabier Díaz e Narf.

A programación completa foi presentada en rolda de prensa no salón vermello do Concello de Santiago coa presenza do alcalde, Martiño Noriega; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; Bryan Kaulback, director rexional de Mahou, patrocinador privado; e Antón Martínez, socio de Nordesía Producións, organizadora do evento.

O alcalde, Martiño Noriega, sinalou que "Santiago volve amosar nesta ocasión como unha cidade pequena no cuantitativo pode ser un referente turístico e cultural no cualitativo. Acoller a maior feira de músicas do mundo, como é o Womex, significa apostar por un turismo de eventos que vai máis alá do feito ata o de agora e que consigue que Santiago sexa atractiva en calquera momento do ano pola súa oferta cultural".

O representante de Mahou, Bryan Kaulback, explicou que "a colaboración de Mahou con Womex’16 enmárcase na súa aposta polo lecer e o entretemento innovador. Dende sempre Mahou involucrouse con proxectos que ofrecen unha perspectiva diferente e que ofrecen valor engadido á cidade, como é esta cita mundial da música. Para Mahou, formar parte de Womex demostra o seu compromiso coa dinamización e o lecer desta cidade e da súa contorna".

O Womex’16 acollerá uns 2.500 participantes de máis de 100 países. A feira durante o día inclúe 270 stands con máis de 700 empresas, ademais de 22 conferencias e 95 relatores de 35 países en 50 sesións, entre outras actividades.