Lugo, Oviedo e Santiago reivindican o Camiño Primitivo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os rexedores de Oviedo e Santiago, Wenceslao López e Martiño Noriega, respectivamente, presidiron os actos conmemorativos do Día do Camiño Primitivo, que este ano Lugo lle dedica a este Ben Mundial dentro da programación do San Froilán, un día que o Goberno quere oficializar para o resto de edicións dentro do marco destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional. 

Os actos arrincaron cun truco de maxia a pé da Porta de San Pedro, e un paseo por esta ruta xacobea ao seu paso pola cidade, dende este punto ata Porta Miñá. Posteriormente, tivo lugar a recepción na Casa Consistorial, seguida dun paseo polo recinto feiral e unha comida nas casetas do polbo. Nos actos tamén estiveron presentes o rexedor de Baleira, Ángel Enrique Martínez-Puga, o de Castroverde, Xosé María Arias, o tenente de Alcalde da Fonsagrada, José Ángel Fernández, así como edís de todos os grupos políticos da Corporación Municipal de Lugo, e concelleiros de Oviedo e Santiago.

Na súa intervención, a rexedora fixo fincapé na necesidade de poñer en valor de xeito común o Camiño de Santiago máis antigo, o Camiño Primitivo, declarado o ano pasado pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, “unha oportunidade para as nosas corporacións e os nosos pobos, para que podamos contribuír ao seu desenvolvemento”. Nesta liña, Lara Méndez lembrou a unión de Lugo con Santiago, “a meta, o obxectivo a conseguir por cada peregrino”, e con Oviedo, “unha cidade chea de galegos e leoneses que tiñan que decidir na súa peregrinaxe se tirar á esquerda cara a Compostela por Astorga nun camiño máis curto, ou ben facer o camiño pola súa banda tradicional”.