Galicia rexistrou en agosto un máximo histórico de viaxeiros aloxados

No pasado mes de agosto Galicia rexistrou un máximo histórico tanto na súa cifra de viaxeiros aloxados como nas súas pernoitas ao rexistrar un total de 899.088 e 2.214.332, un 8,6% e 9,9% máis que no mesmo mes do ano anterior. É o cuarto ano consecutivo no que se rexistra un incremento da demanda turística regrada en Galicia no mes de agosto.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional subiu en Galicia un 7,9% no que atinxe aos viaxeiros, con máis de 670.000 viaxeiros aloxados, e un 9,1% no que se refire ás pernoitas, acadando preto de 1,8 millóns, a cifra máis elevada dos últimos once anos.

Pola súa parte, o mercado internacional acadou tamén neste oitavo mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con preto de 230.000, un 10,8% máis que en agosto de 2015, como de pernoitas, con máis de 420.000, un 13,5% máis neste caso.

En agosto o 69% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 54%- como ás pensións –co 16% neste caso-. O 31% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 5% da demanda total-, aos cámpings –co 20%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 5% neste caso-.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas destacando o incremento de pernoitas rexistrado nos apartamentos turísticos -18%-, nos cámpings -23%- e nos establecementos de turismo rural -19%-.