Feijóo compromete a ampliación do Ifevi na inauguración de Conxemar

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a ampliación do IFEVI para que Vigo siga sendo o punto de encontro da industria transformadora de produtos do mar. “A Xunta cumprirá o compromiso que asumiu con Conxemar e ampliaremos o IFEVI”, sentenciou, expresando o seu convencemento de que neste proxecto a Administración autonómica contará coa colaboración por parte do Concello de Vigo, “porque para Vigo e para Galicia Conxemar é unha das feiras estrela, pantalla do que somos no mundo”.

Durante o acto inaugural da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Feijóo incidiu nos efectos positivos que eventos como Conxemar producen en toda a cidade. Non en van, trátase dunha feira que é referente a nivel español, europeo e internacional, e que durante tres días reunirá máis de 580 empresas, procedentes de 43 países, para debater sobre os últimos avances no sector.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico en funcións subliñou que o incremento de case un 7% no número de expositores e de case un 20% nos países representados é unha boa proba da puxanza desta feira.


Logo de lembrar que das máis de 220 empresas españolas que integran esta asociación, máis da metade atópanse en Galicia, Feijóo referiuse á investigación, á innovación e ao intercambio de coñecemento como as chaves do desenvolvemento dun sector vital para a Comunidade, e garantiu o apoio da Xunta para afrontar os retos do futuro.