Éxito dos Cruceiros costeiros

O proxecto “Cruceiros costeiros”, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar e de Turismo de Galicia a finais do pasado ano, conseguiu captar máis de 1.400 pasaxeiros na súa primeira tempada de actividade. Así o comunicaron hoxe o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, na estación marítima de Baiona, onde fixeron balance deste proxecto piloto que promove circuítos turísticos de curto percorrido polas Rías Baixas en embarcacións de pequena capacidade como catamaráns ou veleiros. 

No acto no que participaron tamén os representantes da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), participante tamén no proxecto, o presidente de Portos valorou positivamente os resultados obtidos pouco máis de medio ano despois da posta en marcha desta iniciativa. En total realizáronse 69 saídas polas 6 rutas definidas, dúas por cada unha das rías, que son, Vigo, Pontevedra e Arousa. En canto ao perfil dos visitantes, a maioría proceden de Galicia e o arco atlántico europeo, pero tamén doutros países como México e Cuba. Ademais en varias ocasións os viaxeiros repiten a experiencia destas rutas.