Comezaron as Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura, promovidas polo CR. Ribeiro

Esta semana comezaron as Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura, que se prolongarán ata o mes de decembro. Promovidas polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro e apoiadas polo Vicerreitorado de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC e a Fundación Dieta Atlántica. Están coordinadas polo profesor e historiador Xavier Castro. Unha acción que se suma á conmemoración dos 400 anos da morte de Miguel de Cervantes.

Á primeira mesa redonda celebrada na libraría Mishima de Vigo acudiu o Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen impartiu unha amena charla sobre “O Ribeiro, Lingua e Literatura”. Estivo acompañado polo historiador da Universidade de Vigo, Luis Domínguez Castro, quen se centrou no viño do Ribeiro na Época Contemporánea, trazando unha visión histórica da comarca ata os nosos días. Ambos se recoñeceron como “ribeiraos” e aludiron á súa biografía labrega no Ribeiro.

Na sala Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia USC tivo lugar a segunda xornada da primeira semana do ciclo. Acudiron á mesa redonda Augusto Pérez Alberti, xeógrafo da Universidade de Santiago, quen falou sobre “O Ribeiro: Un vello complexo agrario” e fixo unha análise dos solos, variedade de paisaxes, vales e a evolución da arquitectura das aldeas da comarca. Estivo acompañado por Rosaura Leis Trabazo, nutricionista e vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica, quen reivindicou o papel dos viños galegos na Dieta Atlántica e a necesidade de traballos de investigación ao respecto; pola súa parte, o historiador Pegerto Saavedra impartiu unha charla sobre “O viño do Ribeiro na Historia Moderna de Galicia” facendo fincapé na importancia do legado do Císter. 

Ambas mesas redondas contaron coa participación do historiador Xavier Castro, quen destacou a importancia simbólica de que un viño coma o do Ribeiro sexa mencionado nun dos grandes da literatura universal como é Miguel de Cervantes. As xornadas estiveron moderadas por Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro.

A proposta cultural do C.R.D.O. Ribeiro para este outono posúe un carácter interdisciplinar e consistirá en actos que terán lugar en varias cidades galegas e tamén en Madrid e Barcelona, de mesas redondas, conferencias multimedia e outros actos conmemorativos, nos que intervirán recoñecidos especialistas na cultura e historia do viño e a literatura. En todas estas actividade presentarase unha edición especial dun viño do Ribeiro etiquetado ad hoc para esta conmemoración cervantina. O ciclo de conferencias multimedia celebraranse en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Barcelona e Madrid, e estarán impartidas por Xavier Castro e Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro.