As Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura

As Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura, promovidas polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro e apoiadas polo Vicerreitorado de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC e outras institucións, e coordinadas polo profesor Xavier Castro, súmanse á conmemoración dos 400 anos da morte de Miguel de Cervantes. 

Na obra do xenio das letras hispánicas aparece mencionado e ponderado o viño do Ribeiro, elaborado nunha das comarcas produtoras máis antigas e prestixiosas de España e, sen dúbida, unha das marcas que máis acaidamente encarnan a representación da identidade simbólica de Galicia.

Esta proposta cultural posúe un carácter interdisciplinar e consistirá na celebración que terá lugar en varias cidades galegas e tamén en Madrid e Barcelona, de mesas redondas, conferencias multimedia e outros actos conmemorativos, nos que intervirán recoñecidos especialistas na cultura e historia do viño e a literatura. En todas estas actividades presentarase unha edición especial dun viño do Ribeiro etiquetado ad hoc para esta conmemoración cervantina.