As empresas galegas sacan partido as feiras alimentarias

A Xunta leva promovidas máis de 400 reunións de 90 empresas do mundo do mar nas últimas feiras alimentarias a través do centro de negocios promovido pola Consellería do Mar. Así o manifestou a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, durante a visita as empresas galegas presentes na feira alimentaria internacional SIAL, que se celebra na capital francesa.

A Xunta ofrece este servizo ás empresas coexpositoras nun posto específico que a Consellería do Mar habilita nos distintos postos das feiras ás que asiste. Un sistema que contribúe a que as empresas galegas que se adhiren a el consoliden a súa presenza no exterior a través da captación de posibles clientes cos que se lles prepara unha axenda de encontros e se lles concerta citas. 

A titular de Mar en funcións aproveitou a súa visita para insistir na importancia de acudir a estas feiras e utilizar este tipo de servizos que contribúen a abrir vías de expansión, de internacionalización e tamén de crecemento das propias empresas. De feito, destacou que algunhas das PEMES que empezaron indo ás feiras da man da Consellería do Mar hoxe van de xeito individual grazas ao apoio que se lles brinda dende a Xunta cando van como empresas coexpositoras. 

Nesta edición de SIAL a Consellería do Mar está presente no pavillón 6 cun posto de 270 metros cadrados que acolle a 13 empresas galegas coexpositoras pertencentes ás áreas da conserva, conxelado e pesca fresca. A estas, Galicia ten que engadir outras que veñen sumar preto dunha trintena de empresas da agroalimentación.