115.000 euros para promocionar actividades deportivas que fomenten a atracción turística en A Coruña

www.coruna.gal/
O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, organismo municipal dependente da Concellería de Emprego e Economía Social, vén de facer públicas no seu perfil do contratante (https://goo.gl/HfJMv9) as bases que regulan a solicitude das axudas para patrocinar ou colaborar en actividades deportivas que fomenten a atracción turística, e que ascenden 115.000 euros para este 2016. 

Poderán demandalas até o vindeiro día 27 aquelas entidades deportivas interesadas, e que se axusten aos requisitos. O concelleiro de Emprego, Alberto Lema, destacou "o importante polo de atracción de visitantes que representan estes eventos". "Axudando á realización dos mesmos, non só estamos favorecendo a chegada de turismo, algo fundamental para a hostalería e o sector servizos da cidade, senón que tamén poñemos en valor unhas institucións tan representativas na Coruña como son aquelas que fomentan o deporte de base, ou o mal chamado deporte minoritario", comentou. "Estas accións son parte dun programa de promoción do turismo a través do deporte no que, por exemplo, se inclúe a colaboración do Concello na realización do World Padel Tour celebrado a pasada fin de semana con gran éxito", explicou.

As bases publicadas polo Consorcio de Turismo indican que esta convocatoria de axudas "é aberta, ten vocación de estabilidade e busca fomentar a participación de clubs e entidades deportivas locais como elementos difusores da cidade no ámbito turístico". Esta convocatoria de axudas, ademais, está especialmente centrada en actividades e eventos deportivos que atraen a un número destacado de persoas pero que non se moven dentro dos grandes circuítos, como é o caso do deporte afeccionado ou de base. De feito, non poderán ser beneficiarios destas axudas os equipos da cidade participantes nas competencións recoñecidas polo Consello Superior de Deportes, como ligas profesionais (primeira e segunda división A de fútbol, e liga ACB de Baloncesto). "No obxecto de servir como reclamo turístico, por medio desta convocatoria o Concello patrocinará ou colaborará coa celebración de eventos deportivos na cidade, aínda que tamén pode outorgar axudas de desprazamento, por exemplo, a clubs que compiten fóra e non son profesionais, xa que contribúen de xeito moi salientable a difundir a marca Coruña no exterior", destacou o responsable municipal de Emprego.

Á hora de outorgar as axudas, o Consorcio valorará a potencialidade do evento. "Térase en conta a capacidade de atracción de deportistas e visitantes provintes de todo o Estado o de fóra do mesmo, así como a repercusión en termos de promoción da Coruña", apuntou Lema, quen destacou que tamén se terá especialmente en conta "as solicitudes e propostas que grazas a súa data e lugar de celebración potencien o carácter desestacionalizado, durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio e outubro, novembro e decembro. (O prazo de vixencia dos convenios estenderase entre a data da firma dos mesmos e o 31 de decembro de 2016, ou ben o período que corresponda ás seguintes anualidades de prórroga de vixencia das bases, en caso de producirse esta).

A valoración das distintas propostas que se efectúen terá en conta factores tales como o impacto económico que suporá o evento na cidade; á contribución ao posicionamento da mesma e a sostibilidade da concentración deportiva.