Pontevedra aproba o estacionamento de autocaravanas na parcela de Tafisa

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o proxecto de acondicionamento do estacionamento de autocaravanas na parcela de Tafisa que o Concello ía destinar a un hotel. O proxecto ten un orzamento de 209.385,39 euros e contempla a instalación de 20 prazas de estacionamento para autocaravanas, e 66 prazas para estacionamento de turismos.

Trátase dun contrato negociado sen publicidade, polo que unha vez que saía a contratación -que será en breve- as empresas terán un prazo de 5 días para presentar as súas ofertas. O prazo de execución é de 3 meses.

O solar é de titularidade municipal e conta con 3.173 metros cadrados de superficie. Está prevista unha actuación na parcela para acondicionala ás necesidades deste tipo de área. Achandarase, asfaltarase unha parte e faranse depósitos para augas potables e grises, ademais da oportuna sinalización.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, explicou que levan xa meses traballando na creación desta área de estacionamento para caravanas e detallou que a proposta foi tratada coa Asociación Galega de Autocaravanas. A Concellería confía en ter listo o terreo para este verán.