`Poker fam trip´ de Turismo de Galicia

Catro viaxes de familiarización, tres deles internacionais, organizados por Turismo de Galicia, permitirán a promoción da oferta turística galega en Alemaña, Francia e Gran Bretaña, logo de que xornalistas e operadores turísticos visitaran Galicia. Ademais, o departamento de Turismo da Xunta organizou unha visita de catro expertos e divulgadores da ornitoloxía aos principais emprazamentos de avistamento de aves en Galicia co obxectivo de promover o turismo ornitolóxico no territorio galego.

Deste xeito, nestes días, un grupo de oito xornalistas franceses que representaban aos medios Prestige et Santé, Torumag, Gastronomica, AR Magazine, Voyagerpratique, Voyages Satrategie e Le Generaliste estiveron en Galicia e visitaron os principais paradores da rede galega ademais de coñecer a súa oferta complementaria nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Paradores de España e a Oficina de Turismo de España en París.

Así mesmo, representantes de dous operadores turísticos británicos –Typically Spain e Winertrails- percorreron Galicia nunha viaxe, organizada tamén polo departamento de Turismo da Xunta, para dar a coñecer en Gran Bretaña a oferta turística galega relacionada coa enogastronomía.

Na súa estadía, os axentes de viaxes de Gran Bretaña visitaron distintas adegas de varias denominacións de orixe protexidas galegas así como restaurantes e locais de hostalaría nos que que puideron apreciar distintas especialidades da cociña galega. Ademais, os operadores británicos puideron coñecer tamén parte da oferta turística galega relacionada coa natureza e a cultura, tanto na costa como no interior de Galicia.

Outra das viaxes de familiarización co destino Galicia organizadas pola Xunta este días, trouxo á Comunidade galega oito xornalistas alemáns co obxectivo de que puidesen achegarse á artesanía de Galicia, visitando talleres, entrevistándose con artesáns e coñecendo os produtos relacionados con esta actividade.

Nesta viaxe de familiarización participaron xornalistas freelance e colaboradores de medidos como Stadtmagazine Blitz Dresden, Leipzig, Halle, Chemnitz, Vogue, Rhein Main Presse, Rhein-Neckar-Zeitung ou Hessischer Rundfunk, entre outros.

Por outra parte, Turismo de Galicia organizou unha visita de catro expertos e divulgadores da ornitoloxía aos principais emprazamentos de avistamento de aves en Galicia co obxectivo de promover o turismo ornitolóxico no territorio galego.