Passeport Escales impulsou 711 pernoitas nos peiraos deportivos galegos

A rede náutica internacional Passeport Escales impulsou durante os meses de xullo e agosto un total de 711 pernoitas nos portos deportivos de titularidade autonómica galega. En concreto estas estancias producíronse nos 14 portos que se atopan actualmente adheridos á rede, que son: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, A Pobra, Cabo de Cruz (Boiro), Rianxo, Portonovo, Sanxenxo, Combarro (Poio) e Cangas.

A cifra de chegadas estranxeiras aos peiraos de Passeport Escales amosa o pulo que esta iniciativa aporta ás instalacións náuticas galegas ao incluír á nosa comunidade nas rutas de navegación no Arco Atlántico que promove. En concreto, a rede fomenta itinerarios entre Gran Bretaña, Francia e norte de España –Galicia e País Vasco- aportando facilidades e incentivos económicos para os navegantes á hora de recalar nos peiraos membros.

Porto a porto, o número de estancias vinculadas á Passeport Escales durante os dous meses pasados foi o seguinte: Ribadeo, 72; Viveiro, 134; Ares,20; Camariñas 52; Muxía, 57; Muros, 131; Portosín, 36; A Pobra, 54; Cabo de Cruz, 20; Portonovo, 29; Sanxenxo, 19; Combarromar, 68; e Cangas, 19.

A adhesión de peiraos deportivos autonómicos á Passeport Escales foi promovida pola Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, a raíz dos contactos establecidos nos diferentes eventos promocionais de náutica nos que está presente. A rede foi creada pola entidade francesa Compañía de Morbihan e a inclusión de Galicia nela dende o ano 2014 resulta de importancia estratéxica a nivel xeográfico para completar as súas sedes no arco atlántico, tal como recoñeceron os seus propios impulsores.