O San Froilán 2016 adica un día ao Camiño Primitivo

Lugo visualiza xa os días grandes de outubro, nos que celebra as Festas do San Froilán. O recinto feiral xa se engalana para celebrar estes festexos que terán lugar do 4 ao 12 de outubro, e para os cales o Concello deseñou un completo programa de actividades pensada en todos e para todos, que presentaron no Parque de Rosalía a alcaldesa, Lara Méndez,, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.

Durante a presentación, a alcaldesa, que definiu o San Froilán como “a grande festa patronal de Lugo, que por moitas razóns poden tamén aspirar a ser considerada como maior de Galicia polo ben que soubo manter a parte tradicional con non renunciar á modernidade, conciliando estas dúas vertentes”, destacou que se trata dun “completo programa confeccionado coa mellor das ilusións e dentro das posibilidades económicas do Concello”, de máis de 200 actividades para entreter a todos os públicos e para todos os sectores, medio cento delas totalmente novas. 

Neste San Froilán manteranse actividades de gran tradición, como os fogos artificiais, o desfile de gando, o concurso de polbeiros, Os Pelúdez, a feira de antigüidades ou a feira medieval, que se sumarán ás novidades. Neste ano, o 11 de outubro, será o Día do Camiño Primitivo, con actos como un paseo polo Camiño, a maxia ou a recepción das Alcaldesas e Alcaldes do Camiño. O Goberno quere institucionalizar o Día do Camiño dentro da programación do San Froilán pola proxección que supón para a cidade. Ademais, o día 6 de outubro, celebrarase o día de Manuel María, coincidindo co aniversario do seu nacemento, cun concerto da Quenlla, que interpretará os poemas de Manuel María.