O Museo de Pontevedra recibe o Premio da Cultura Galega, na categoría Patrimonio Cultural

museos.xunta.gal
Os Premios da Cultura Galega foron feitos públicos na tarde do luns pola Consellería de Cultura, e nesta edición recaeron ademais en María Xosé Queizán en Letras, Miguel Fernández Cid en Artes Plásticas, Sarabela Teatro en Artes Escénicas, Maximino Zumalave en Música, a cooperativa Númax en Audiovisual, a Irmandade Xurídica Galega en Lingua, e Elena Zernova en Proxección Exterior.

"Este premio para nós é un acicate que nos fará continuar co bo traballo desenvolto polo Museo" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, tras coñecerse que o Museo de Pontevedra, institución dependente do seu departamento, vén de ser recoñecido co Premio da Cultura Galega, na categoría Patrimonio Cultural. Xosé Leal fixo unha primeira valoración deste recoñecemento acompañado do director do Museo, Carlos Valle, na que quixo recoñecer precisamente o traballo do equipo profesional da institución. "Que un xurado de xente tan representativa do mundo da cultura valore precisamente os fondos e o traballo do Museo é importante e vén demostrar, neste ano e pico que levamos na Deputación, que hai que confiar no traballo dos técnicos porque son os verdadeiros especialistas e os que fan que un Museo como o de Pontevedra adquira ese valor na sociedade e poida ser recoñecido cun premio coma este" asegurou Xosé Leal. 

Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, como "máximo responsable técnico" asegurou que este premio "foi moi ben recibido e ademais de ser unha satisfacción, obrigaranos a traballar aínda con máis intensidade". Valle puxo o acento na riqueza dos fondos do Museo e sobre todo na biblioteca, no arquivo e nas 313 obras da colección Sodesco. Asegurou ademais que o Museo de Pontevedra, sendo unha institución de base provincial, hoxe en día permite facer un percorrido por obras do panorama galego pero tamén do estatal e do internacional.