O casco histórico da cidade de Santiago de
Compostela será escenario este sábado día 10 de setembro do III Desfile
promocional do Entroido da comunidade galega, un acto organizado por Turismo de
Galicia en colaboración coas asociacións e institucións que representan os
carnavais declarados de interese turístico no territorio galego.
Este é o terceiro ano que o departamento de
Turismo da Xunta desenvolve un desfile destas características, co obxectivo de
promover e difundir os valores dunha das festas máis tradicionais da comunidade
galega. Deste xeito, os cidadáns galegos, turistas e
peregrinos que se atopan en Galicia estes días terán unha oportunidade única de
contemplar de xeito conxunto os personaxes dos principais entroidos galegos.
Nesta ocasión, desfilarán en Santiago oito
grupos que representan a outros tantos entroidos declarados de interese
turístico e ademais participará como convidado o Entroido Ribeirao, de
Chantada. Así, este ano estarán en Santiago, ademais do
citado, os de Verín, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Vilariño de
Conso, Maceda, Cobres, Manzaneda e A Ulla.
O III Desfile promocional do Entroido de
Galicia partirá ás 13.00 horas da Praza do Obradoiro, cun percorrido polas rúas
e prazas Fonseca, Vilar, Toural, Cantón do Toural, Nova, Xelmírez, As
Praterías, para rematar na Praza do Obradoiro, onde se concentrarán todos os
participantes.