Medio Rural colaborará na difusión do proxecto Maeloc

A Consellería do Medio Rural colaborará con Estrella de Galicia na difusión do proxecto Maeloc, co fin de que os galegos poidan participar no cultivo de mazás para a produción de sidra autóctona. Así, ten previstocolocar un cartel informativo en cada unha das 70 oficinas agrarias comarcais de Galicia para que cada galego poida recibir información sobre este proxecto, que consiste no cultivo de variedades autóctonas de mazás para logo producir sidra.

A empresa galega, que o ano pasado transformou máis de 2,5 millóns de quilos de mazás, comercializa 8 tipos de sidras diferentes con variedades autóctonas e asturianas, das cales 3 son ecolóxicas. Para iso, teñen asinado un convenio cos agricultores de cinco zonas de Galicia (Chantada, Escairón, A Estrada, Ortigueira e Guísamo) para a produción de mazás en predios particulares que, logo, a empresa se dedica a recoller e transformar.