Máis polbo, máis negocio, mesmo prezo

O valor económico das descargas de polbo en Galicia dende o inicio da campaña a principios de xullo ata o 31 de agosto é o máis alto dende o ano 2010, superando os 2,6 millóns de euros. Así o salientou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na presentación do Proxecto de avaliación do polbo, realizado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores. 

Esta cifra correspóndese con preto de 436 toneladas descargadas deste cefalópodo nas lonxas de Galicia. Ademais a conselleira engadiu que tanto a facturación como o volume de descargas superan en máis do dobre aos do ano pasado, que entre o inicio da campaña e o 31 de agosto foi de preto de 173 toneladas cun valor económico de máis de 1 millón de euros. En xeral, destacou, subiron considerablemente as capturas e mantéñense os prezos a pesar de que hai máis produto no mercado.

En relación ao proxecto sobre a avaliación do polbo presentado pola Federación Galega de Confrarías, Rosa Quintana valorouno positivamente e neste sentido subliñou que son benvidas todas as aportacións para avanzar no futuro do sector. Por iso, engadiu, "dende a Consellería do Mar apoiamos esta iniciativa, que promove o debate entre administración, científicos e sector e que ten como fin impulsar a pesquería e comercialización do polbo".

En canto ao control e xestión da pesquería, a titular de Mar lembrou que é o propio sector o encargado de controlar, solicitar á Consellería do Mar os elementos identificativos que levan cada nasa e cada cacea e distribuílos entre os armadores das embarcacións autorizadas para faenar con nasa para polbo. Deste xeito, explicou a conselleira, buscamos implicar ao sector na responsabilidade do labor de control da pesca para evitar a sobreexplotación de da especie e acadar unha mellora na súa situación. Ademais, engadiu, coa implicación do sector, búscase axilizar a xestión xa que se evitan diversos trámites administrativos.