Lugo tamén compite en La Vuelta

Christian Prudhomme
A competición ciclista máis importante de España entrou esta semana no tramo final e, con ela, a ruta de promoción turística e gastronómica da provincia que está facendo a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) co posto de degustacións de … E para comer, Lugo. 

Este é xa o quinto ano que os hostaleiros lucenses poñen en marcha esta iniciativa de difusión dos atractivos da provincia. O posto está presente na zona VIP da saída de todas as etapas da competición –pola que pasan ciclistas, xornalistas, afeccionados, autoridades locais e veciños da zona– e nel ofrécense degustacións de produtos autóctonos facilitados de xeito altruísta polos consellos reguladores da DO Ribeira Sacra, IXP Ternera Gallega, DOP Queixo Arzúa-Ulloa, DOP Queixo do Cebreiro, IXP Pataca de Galicia, IXP Castaña de Galicia, IXP Grelos de Galicia, IXP Pemento de Mougán, IXP Mel de Galicia, IXP Fabas de Lourenzá e Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como por Avimós, Asovega, Armadores de Burela, Galletas Daveiga e Afapán. 

Ademais, o persoal da Apehl que atende o posto tamén distribúe exemplares da nova guía … E para comer, Lugo entre os visitantes.

Entre as caras coñecidas que pasaron polo stand estes días figuran o director xeral do Tour de Francia, Christian Prudhomme; o humorista David Amor; o xornalista deportivo Heri Frade; o pentacampión do Tour de Francia, Miguel Induráin; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o cantante e compositor Serafín Zubiri, e o ex ciclista Joseba Beloki.