I Feira Agroecolóxica NaturaLugo

Este xoves inaugurouse coa presencia da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles Lópeza a I Feira Agroecolóxica NaturaLugo, un evento que pon en valor a produción agroecolóxica da provincia. Esta feira, que se celebra en paralelo ao congreso internacional da SEAE, albergará, ata o día 24 a máis de 50 expositores das catro provincias galegas, así como de Zamora, Toledo, Valencia e do país veciño, Portugal.

O Concello dispón dun stand propio nesta feira con información turística da cidade e sobre o Proxecto Lugo+Biodinámico, que está financiado con fondos do Plan LIFE, que permitirá a Lugo desenvolver actuacións pioneiras en favor dun urbanismo sustentable e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal. Este proxecto conta cun orzamento toal de 3.588.552 euros, dos que a Unión Europea achega a metade, 1,7 millóns, o Concello 541.340 euros e a Deputación 526.220 euros, mentres a contribución da Universidade de Santiago, como da Politécnica de Madrid consiste na achega de persoal, traballo e coñecemento, avaliados economicamente en 728.000 euros.

NaturaLugo terá lugar na planta baixa do Pazo de Feiras e Congresos mentres na primeira se celebrará o congreso de SEAE. Dentro da programación de actividades, deseñada para persoas de todas as idades, atópanse obradoiros de repostería vegana; rede de sementes; obradoiro de lá; contacontos para nenos; obradoiro de lá para nenos; obradoiro de relaxación; obradoiro de vermicompostaxe; teares; obradoiro de elaboración de queixo ecolóxico; obradoiro de cestería:obradoiro de elaboración de cervexa ecolóxica; obradoiro de fiado; obradoiro de cestería ou de conservas ecolóxicas, entre outros.