Humanización dos Camiños na súa entrada a Compostela

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou tras a reunión do Consello da Xunta a humanización da entrada en Compostela dos Camiños de Santiago para avanzar na excelencia turística da capital de Galicia de cara ao próximo Ano Santo. Neste senso, apuntou que o obxectivo é que o Xacobeo de 2021 tamén sexa histórico e lembrou que o Executivo autonómico está a aproveitar este período de once anos para darlle un novo impulso ao Camiño.

Feijóo avanzou esta mañá as propostas de actuación para a integración paisaxística dos Camiños na capital galega; unha materia pendente, segundo incidiu, destacando, a modo de exemplo, que no Camiño Francés os peregrinos se senten desorientados ao pasar pola ponte San Lázaro e ao chegar ao cruce entre a avenida de Lugo e Os Concheiros.

O titular do Goberno autonómico en funcións explicou que este estudo parte dun traballo de campo ao longo dos Camiños Francés, Portugués, Inglés, a Vía da Prata e o de Fisterra, e de varias análises previas.

Nesta liña, precisou que a análise do medio natural parte de dous documentos: o Estudo de sostibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico do PXOM de Santiago e o Estudo dunha estratexia verde para Santiago de Compostela do Consorcio, con especial atención ao feísmo. E para analizar a planificación urbanística estúdase o PXOM de 2008.