Galicia navega na Grand Pavois de La Rochelle

A folletería de sempre en La Rochelle
Turismo de Galicia e a entidade Portos de Galicia promoven o turismo náutico da comunidade galega na feira especializada Grand Pavois, que ten lugar na cidade francesa de La Rochelle ata o próximo 3 de outubro.

Esta é a cuarta edición consecutiva na que Turismo de Galicia participa nesta feira, despois de obter exitosos resultados nas edicións anteriores. O obxectivo é dar a coñecer as instalacións náutico deportivas e recreativas así como os  servizos, produtos e recursos do turismo náutico galego co fin de atraer navegantes do norte de Francia cara ao litoral galego.

Esta feira, exclusivamente dedicada ao sector náutico en todas as súas modalidades, é un dos salóns náuticos máis importantes e populares de Europa constituíndo, así, un dos principais escaparates para a promoción da náutica deportiva en Francia.

Organizada por primeira vez no ano 1973, a feira Grand Pavois celebra neste ano 2016 a súa 43 edición. O salón conta con 100.000 metros cadrados de exposición e máis de 800 expositores internacionais que representan a 35 países de todo o mundo.