Axudas aos vitucultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo de agosto

Os viticultores da Ribeira Sacra afectados pola treboada de pedrazo rexistrada o pasado día 15 de agosto terán dereito a percibir unha axuda de 7.000 euros por hectárea para paliar os danos rexistrados. Esta é a cantidade establecida na orde de axudas, cun orzamento total previsto de 500.000 euros. 

Con elas preténdese que nas parcelas vitícolas afectadas polo pedrazo na área da Ribeira Sacra se siga realizando unha viticultura de montaña cualificada como heroica polo Centro de Investigacións, Estudio, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña (CERVIM) e que axude á conservación do medio rural da Ribeira Sacra.

A treboada de pedrazo afectou os viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, maioritariamente no concello lugués de Sober e unha pequena parte do de Monforte de Lemos. A área que sufriu a sarabiada pertence á subzona de Amandi, tradicionalmente unha das máis coñecidas da Ribeira Sacra. 

Destas axudas poderán beneficiarse os viticultores que non tiveran subscrito ningunha póliza de seguros, sendo a subvención máxima por viticultor de 15.000 euros. As achegas servirán para para financiar as operacións de conservación e mantemento do viñedo, nas que se inclúen a poda e a xestión dos restos de poda, os tratamentos fitosanitarios e o mantemento do solo.