Arranca a campaña de libre marisqueo na ría de Arousa

A campaña de libre marisqueo na ría de Arousa comezará o vindeiro 3 de outubro coa dispoñibilidade de berberecho de talla comercial no banco dos Lombos do Ulla. Así llo trasladaron este mediodía a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e técnicos da Consellería do Mar aos patróns maiores das confrarías da ría Arousa na reunión mantida con eles para deseñar o inicio da campaña de libre marisqueo. 

Esta xuntanza vénse realizando de maneira habitual nos últimos anos antes do inicio da campaña e nela infórmase dos resultados da avaliación realizada polos técnicos sobre o estado do recurso nos bancos de libre marisqueo. En relación a estes resultados, a directora xeral destacou que no caso dos Lombos do Ulla estímase unha biomasa comercial dispoñible de berberecho de preto de 700 toneladas. 

No caso do banco do Bohído, Susana Rodríguez explicou que as previsións produtivas de molusco son semellantes ás das dúas últimas campañas, sobresaíndo a abundancia de ameixa babosa que é o principal recurso do banco e das últimas campañas no conxunto do libre marisqueo de Arousa. Finalmente sinalou que en Cabío tamén se agarda unha produción semellante á do último ano.