A Xunta traballa no deseño de estratexias dos Grupos de Desenvolvemento Rural

A Xunta de Galicia tramita as estratexias dos diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe unha xuntanza de traballo co director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e cos xefes territoriais do seu departamento.

Nesta reunión revisáronse as diferentes estratexias elaboradas por cada un dos GDR, con vistas á súa próxima aprobación (malia que o prazo establecido para completar este trámite chega ata o vindeiro día 2 de novembro). Unha vez aprobadas as estratexias, xa se poderán constituír cada un dos 24 GDR –subscribindo o correspondente convenio coa Xunta–, coa seguinte distribución provincial: 7 na Coruña, 6 en Lugo, 6 en Ourense e 5 en Pontevedra.

Estes grupos xa están a contratar o seu persoal, de acordo coas instrucións de selección que se lle facilitaron dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), para garantir os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia que deben aplicarse.

Os GDR son os encargados de xestionar as estratexias de desenvolvemento rural nos seus respectivos territorios, cun enfoque “abaixo arriba” no que os axentes locais teñen un claro protagonismo. No período de vixencia do actual Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 o orzamento destinado a impulsar estas estratexias é de 84 millóns de euros.