A DOP Mexillón de Galicia quere aumentar os produtores e empresas certificadas

Acadar un sector máis unido, forte e cunha maior proxección de futuro. Estes son os obxectivos que o Pleno do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia quere conseguir cunha medida de grande calado dirixida a incrementar o actual número de empresas e produtores certificados e, en consecuencia, reforzar a representatividade que Mexillón de Galicia xa ostenta dentro do sector.

Para conseguilo vaise levar a cabo un proceso de regularización perfectamente regrado co que proporcionar unha solución axeitada e integradora a aqueles operadores que, estando inscritos no Consello, non cumpriron coas obrigas económicas que leva consigo esa adhesión e, en consecuencia, non poden exercer os dereitos que lles asisten.

Para solventar esa situación, o Pleno do Consello Regulador aprobou a elaboración dun novo Regulamento de xeito que cando sexa aprobado pola Consellería do Mar permitirá aos inscritos que cumpran determinadas condicións recuperar todos os seus dereitos. Ademais, quedarán eliminadas da contabilidade do Consello as débedas contraídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.