Vilagarcía acolle en outubro o Curtas Film Fest

Do 24 de outubro ao 1 de novembro, o Certame Audiovisual Internacional de Vilagarcía de Arousa, tamén coñecido como Curtas Film Fest, chegará á súa 44ª edición converténdose nun evento multidisciplinar que acollerá a moitos invitados do mundo do cinema e a televisión, proxeccións de longametraxes e curtametraxes, e numerosas actividades paralelas. Entre estas últimas destaca o primeiro Salón do Cómic de Vilagarcía, que achegará á cidade algúns dos máis coñecidos artistas nacionais da novena arte, así como exposicións, sesións de firmas, concursos de videoxogos e cosplay, xogos de rol, cartas e taboleiro.

Autores como Alfonso Azpiri, Juan Giménez ou Salvador Larroca, entre outros, visitarán a localidade para presentar a súa arte e manterán encontros co público asistente, ademais de sesións de firmas que permitirán aos afeccionados levar un recordo inesquecible ás súas casas.

No apartado audiovisual, e como vén sendo habitual, o Curtas Film Fest tamén contará cunha sección competitiva de curtametraxes con premios para a mellor de imaxe real, mellor curto de animación, mellor curto galego, mellor director e mellor director galego, para os que os cortometraxistas xa poden enviar traballos a través das principais plataformas online.

A nostalxia tamén terá o seu oco no festival con "Volta ós 80" : un ciclo que nos permitirá viaxar no tempo para gozar dalgúns dos títulos máis destacados dunha época irrepetible na gran pantalla. Outros ciclos que poderán gozarse no festival serán "Da viñeta á pantalla", con películas baseadas en personaxes do cómic, ou "Cinefilias", dedicado aos clásicos da sétima arte e o cinema de autor.