Turistas, stop á recollida de marisco na praia

A Consellería do Mar pon en marcha un proxecto piloto a través do que está a facer entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra coa finalidade de que sexan repartidos nas praias e, dese xeito, concienciar aos turistas da ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

A Xunta puxo en marcha esta iniciativa atendendo ás demandas do propio sector marisqueiro da confraría da Illa de Arousa, que solicitaron á Administración iniciativas nos areais para contribuír a atallar o furtivismo, ante a presenza de bañistas nos areais que extraen marisco de xeito ilegal.

Estes abanos levan gravado o emblema “Non vivimos do aire, os mariscadores tampouco” e a través dun texto lembran que os mariscadores e mariscadoras se dedican todo o ano a cultivar as praias e que é ilegal coller marisco sen licenza. Deste xeito a Xunta busca apelar á comprensión da cidadanía que acode a gozar das praias como forma de ocio e advertir dos prexuízos que ocasiona a extracción ilegal de marisco aos profesionais do marisqueo.


A Consellería do Mar lembra ademais que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide á cidadanía que non colla marisco dos areais sen ter un permiso de explotación e aos consumidores que non adquiran produto fóra das vías legais de comercialización.