Showcooking para a presentación de equipos de La Vuelta 2016

A Gala de Presentación de Equipos de La Vuelta a España 2016 terá lugar o próximo xoves 18 de agosto no Balneario de Arnoia. O evento, unha das grandes citas desta competición deportiva, presentará oficialmente aos 22 equipos ciclistas que competirán nesta 71 edición de La Vuelta a España.

O acto actuará tamén como escaparate da gastronomía galega xa que acollerá un showcooking onde se darán cita os mellores cociñeiros galegos e os máis prezados produtos gastronómicos da nosa comunidade.

Neste percorrido gastronómico estará representada a cociña galega a través das degustacións ofrecidas, por unha parte, por doce profesionais do Grupo Nove e, por outra, por nove cociñeiros de Amigos da Cociña Galega. Así mesmo, estarán representadas 21 Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas con distintivo de calidade diferenciada. 

No decorrer desta prsentación, a directora de Turismo, Nava Castro, fixo referencia a importancia de que a 71 edición de La Vuelta a España saia dende Galicia, contando a nosa comunidade, un ano máis, cun lugar destacado neste gran acontecemento deportivo. “A nosa comunidade será o punto de partida deste evento que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre”, afirmou. Neste senso, resaltou que La Vuelta sairá desde Galicia, por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia.