San Clodio, mosteiro, hotel e spa de viñoterapia

Un dos claustros do mosteiro
Turismo de Galicia está a acometer importantes obras de rehabilitación no Mosteiro de San Clodio de Leiro para transformar parte deste histórico edificio no primeiro spa de viñoterapia da Comunidade. O hotel deste histórico edificio de O Ribeiro está xestionado na actualidade pola cadea Eurostars, a mesma que rexe na actualidade o Gran Hotel de La Toja e outros moitos establecementos hoteleiros de luxo no terrotorio estatal.

Esta actuación converterá as antigas adegas e cortes do mosteiro cun hotel de xestión privada -e inversión pública rehabilitadora- nun centro termal pioneiro en Galicia reforzando así a cacarexada aposta de Turismo de Galicia polo termalismo para manter o pulo desta modalidade turística, que constitúe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico do territorio galego.

Galicia atesoura máis de 300 captacións catalogadas e conta cunha afloración minero-medicinal por cada 10.000 habitantes, o que a sitúa como segundo destino en potencial termal, só por detrás da cidade de Budapest. Desas máis de 300 captacións de auga mineiro-medicinal, máis de 20 teñen a cualificación de balneario, polo que Galicia “ocupa a primeira posición a nivel nacional ao acoller preto do 20% dos establecementos balnearios do país”, dixo Nava Castro.