Pregón das festas de María Pita con Sofía Toro

www.coruna.gal
A Praza de María Pita acolleu o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que presentou á pregoeira das festas da cidade deste 2016, a regatista Sofía Toro (medalla de Ouro en Londres 2012), encargada de abrir as celebracións deste agosto. O rexedor destacou ante unha destacada afluencia de público, a chegada "dun dos momentos máis agardados do ano". "É un mes no que recibimos a milleiros de persoas e demostramos que a nosa é unha cidade especial, un lugar onde todo é posible para todos e todas". 

O primeiro edil coruñés destacou á regatista como "un orgullo desta cidade que reúne en si mesma moitos dos felices elementos que este agosto imos festexar". "A Coruña é festeira, é loitadora, náutica, deportista e campiona", manifestou. "Seguro que se nos preguntan que desexos temos para a nosa cidade, a maioría poderiamos asinar que queremos unha Coruña con proxección mundial e unha Coruña onde as mulleres ocupen o lugar que merecen, lonxe de desigualdades", indicou, facendo referencia á importacia do deporte feminino.

Pola súa banda, no sei pregón, a deportista destacou que o feito de ser coruñesa, así como a relación da cidade co mar, determinou en gran medida os éxitos colleitados no terreo deportivo. "O carácter orgulloso, humilde e de superación dos e das veciñas desta cidade impregnoume desde pequena e penso que foi determinante para enfrontar os retos que superei. "Son unha persoa comprometida coa Coruña e estou orgullosa de levar o seu nome por todo o mundo, por todos os mares do mundo: presumo de terra, de cultura, de gastronomía, da nosa lingua, das nosas rías e as nosas praias, da Torre de Hércules, da nosa historia e dos nosos ventos", manifestou a deportista olímpica.

Antes de dar paso ao concerto de Carlinhos Brown, a regatista convidou a toda a cidadanía a practicar exercicio físico ao longo da vida, para evitar os problemas derivados do sedentarismo, e puxo en valor a "multitude de posibilidades para a práctica deportiva que ofrece a cidade". "A saúde é o noso ben máis prezado", destacou, ao tempo que animou ás mozas e mozos da cidade a descubrir as súas habilidades, "traballar por cumprir os propios obxectivos e gozar do camiño para cumplir os soños". "O verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos", rematou a pregoira, citando a Castelao.