Ocupación hoteleira do 82% en xullo na provincia de Pontevedra

A Presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer os datos de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra durante o pasado mes de xullo. Os resultados, tal e como subliñou Silva, "son os mellores da última década" xa que a ocupación media na provincia foi do 82%, superior ás propias estimacións da institución provincial que prevían unha media do 72%. Carmela Silva adiantou ademais que "a falta de reservas de última hora, as que se fagan a través de Internet, estimamos que no mes de agosto a ocupación será de case o 84% nas Rías Baixas".

A Presidenta da Deputación de Pontevedra fixo fincapé no caso dos establecementos de turismo termal, nos que a ocupación superou o 88%, e sinalou que os establecementos de turismo rural superaron o 60% da ocupación, agardando para agosto cifras por riba do 71%.

Amais, Carmela Silva deu a coñecer que as e os turistas que nos visitaron durante o pasado mes de xullo foron principalmente españois (85,25%), que se decantan por un turismo en familia ou en parella (44%), que están interesados pola cultura (25%) e o desfrute do ocio en xeral (25%). Estes visitantes, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos (53%), chegan ata as Rías Baixas en coche, alóxanse en hoteis (51%) por un período medio de 7 a 15 días (41%) e non coñecían o noso destino (70%).