Novo proxecto multimedia de promoción da Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Lugo

Concello de Lugo, Fundación TIC e El Progreso poñen en marcha un proxecto multimedia de promoción da Praza de Abastos e o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. A Alcaldesa, Lara Méndez, o Presidente da Deputación e da Fundación TIC, Darío Campos, e a Presidenta de El Progreso, Blanca García, presentaron o documento audiovisual nun acto que se celebrou na propia Praza ao que tamén asistiu o Patrón da TIC, Álvaro Santos.

Trátase dun paper monográfico, que inclúe imaxes e vídeos realizados pola Fundación TIC, así como textos e fotos dos que son autores xornalistas e reporteiros gráficos do xornal El Progreso. A publicación pódese consultar a través da web da TIC,www.fundaciontic.org, que tamén lle dará difusión nas redes sociais, e no xornal dixital do grupo El Progreso, Galiciaéwww.galiciae.com. A peculiaridade do traballo é que dá a opción de acceder aos contidos pasando as follas, nas pantallas táctiles de ordenador, tableta, ou de calquera dispositivo móbil. Inclúe 55 vídeos que serven de presentación dos distintos postos e nos que se inclúen explicacións, receitas e curiosidades narradas polos empresarios que rexentan os establecementos comerciais e de hostalería.

Durante o acto, a rexedora agradeceu tanto á Fundación TIC como a El Progreso a súa disposición por crear un lugar de encontro a través das novas tecnoloxías co Mercado e a Praza, que foi modernizada recentemente polo Concello co obxectivo de mellorar a competitidade dos negocios e a propia imaxe da praza. A rexedora tamén agradeceu a colaboración dos máis de 60 industrias de ambos emprazamentos con este paper e convidou aos lucenses e visitantes a comprar nestes postos.

Ademais, Lara Méndez quixo poñer en valor o papel dos medios de comunicación, sexan tradicionais ou novidosos, para configurar o tecido social e político do Concello.

Pola súa banda, Darío Campos destacou que “a Fundación TIC volcouse neste proxecto multimedia innovador para a promoción da Praza e o Mercado de Lugo, co que cumprimos o obxectivo de colaborar en todas as iniciativas que axuden á dinamización da provincia e do seu tecido económico e social”.