Riós, nove anos de música, cinema e gastronomía

A IX edición do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel de Riós, mesturará
música, cinema e gastronomía durante os días 13 e 14 de agosto no Souto de Castiñeiros de Riós, onde este ano entregarán a Castaña de Cristal á artista, Susana Seivane. Na presentación do0 festival participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o director do festival, Rubén Riós; o alcalde do Concello de Riós, Francisco A. Veiga Romero; e a premiada coa Castaña de Cristal, Susana Seivane.

Paralelamente ao festival celebraranse unhas xornadas de convivencia creativa “Ruralizarte” que achegarán distintos artistas como Emilio Rúa, Tania Fuegho, Miguel Guido e Rubén Riós, a dez mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, co fin de promover e desenvolver a súa intelixencia emocional e capacidades artísticas, nas distintas disciplinas das artes escénicas, creando conxuntamente cos artistas, unha canción e actuación, relacionada coas problemáticas actuais do rural, que será presentada o domingo, 14 de agosto no marco do festival.