Lugo xoga na Champions turística

Máis de 1.700 persoas pasaron entre o pasado venres e luns pola Oficina Municipal de Turismo de Lugo, un 30% máis que as mesmas datas do pasado ano. Así o indicou este martes o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen deu a coñecer que o centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu nesta ponte, a máis festiva do ano, a un 47% máis de visitantes con respecto á ultima ponte, a do 25 de xullo, unha cifra récord nestas datas. 

“Se as cifras do pasado ano eran boas, as deste son aínda mellores”, asegurou o edil, ao mesmo tempo que subliñou que os datos crecentes ao longo do ano avisaban dun verán histórico. Neste senso, lembrou que no pasado mes de xullo, visitaron o centro da Praza do Campo máis de 5.800 persoas, un 28% más que en xuño, un incremento que se eleva mes tras mes. O sábado foi o día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, máis de 500, seguido do luns 15, uns 450, atendendo o 74% dos visitantes en xornada de mañá. 

Miguel Fernández quixo subliñar a consolidación do turismo nacional, posto que durante o 12, 13, 14 e 15 de agosto, pola Oficina Municipal pasaron 1.627 turistas nacionais, o que supón un 95% do total e uns 450 máis que o ano pasado. Dentro da comunidade galega, o 58% dos visitantes procedían da provincia de Pontevedra. Polo que respecta ao turismo estranxeiro, o 86% eran visitantes europeos, aínda que ata a Oficina Municipal de Tutismo tamén se desprazaron americanos. 

“O verán está deixando boas sensacións na cidade e esta ponte é unha proba delo”, afirmou o edil, quen quixo destacar a boa acollida das actuacións musicais para todos os públicos que tiveron lugar nas rúas de Lugo, un dos plans que ofrecía o Concello para animar este fin de semana, así como andainas e representacións teatrais ao aire libre. “Os bos datos e a alta participación nas actividades programadas para esta ponte ratifican a Lugo como unha cidade cada vez máis animada”, concluíu o voceiro municipal.