Lugo, Viveiro e Monforte pedalean xuntos pola provincia coa Volta 2016

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca; a Tenente Alcalde de Viveiro, Isabel Rodríguez López; o Director Xeral da Volta 2016, Javier Guillén, e o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, presentaron este mércores as dúas etapas de dita proba ciclista que discorren pola provincia lucense. Trátanse das etapas 5, que terá lugar o mércores 24 de agosto dende Viveiro e ata a cidade de Lugo; e a 6, que será o xoves 25 de agosto dende Monforte de Lemos e ata Luintra. 

No acto tamén participou o ciclista profesional Roberto Laiseka, gañador de varias etapas da Volta e do Tour, así como representantes de asociacións e clubs de ciclismo da provincia, que realizaron xunto a Campos Conde e Lara Méndez, ademais dos responsables dos departamentos de Deportes en Deputación e Concello de Lugo, Pablo Rivera Capón e Miguel Fernández Méndez, respectivamente, un pequeno e simbólico recorrido en bicicleta dende a Praza Maior e ata San Marcos. 

O titular provincial destacou que “xuntos pedaleamos pola provincia”, pois Deputación, Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Viveiro contribúen ao paso da Volta 2016 pola provincia con preto de 250.000 euros, coa previsión dun grande retorno económico para o conxunto da provincia. 

Hai que ter en conta que, segundo datos oficias, uns 1.400 xornalistas de todo o mundo cobren esta proba ciclista, que se retransmite nuns 190 países dos cinco continentes, acadando un promedio por etapa de 20.000 espectadores. Só nos lugares de chegada, como nesta ocasión é o caso do Concello de Lugo, é capaz de concentrar a unhas 4.000 persoas e deixar beneficios de ata un millón de euros.