III Festival Agrogay da Ulloa

“Son Agrogay” é o lema do 3º Festival Agrogay da Ulloa, que se celebrará na Granxa Maruxa, situada na localidade de Cumbraos, a 3 km de Monterroso, e na propia vila de Monterroso (Lugo) os días 26 e 27 de agosto. O festival ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. 

Ademais, aposta por amosar, defender e pór en valor outros principios como a sustentabilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo. Unha apoio a diversidade tanto social como natural, dando voz e apoio ás reivindicacións e mobilizacións agro gandeiras.

Nesta edición, hai unha especial visibilidade a esa muller do rural, verdadeiro soporte dunha forma de vida e produción en íntima conexión coa terra como forma de vida. A todas esas mulleres anónimas e silandeiras que, sabéndose diferentes na súa afectividade e renunciando incluso ao amor, deron a súa vida e sabedoría polo mantemento da vida no rural.

O Colectivo Agrogay da Ulloa organiza este festival autosustentado, sen ánimo de lucro, coa única intención de alcanzar os obxectivos anteriormente descritos e cubrir os gastos xerados pola organización do evento. 

Vista a resposta á anterior edición do festival e dadas as expectativas para este ano, a organización 
decide limitar o aforo máximo a 600 persoas, para así poder preservar o espírito de sustentabilidade.

Música, curtometraxes, artesanía, talleres e poesía entre outras actividades darán cor a esta terceira edición do FestivalAgro-gay da Ulloa. Podes descargar aquí o programa