Galicia conta con 150 hectáreas de invernadoiros

En Galicia existen unhas 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros. Arredor da metade destas explotacións contan adicionalmente cunha superficie equivalente de produción ao aire libre. As principais producións baixo cuberta son a leituga, o tomate, o pemento e o feixón verde, e case a metade das explotacións están agrupadas en cooperativas ou noutras figuras asociativas.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou o potencial de crecemento de Galicia no sector dos cultivos hortícolas de calidade. Fíxoo na súa visita á cooperativa Horsal, dedicada á produción e comercialización de hortalizas, e ás instalacións da empresa Hortalizas Serafín y Carlos S.L., ambas localizadas na comarca pontevedresa do Salnés.

Ángeles Vázquez reafirmou o apoio da Xunta ao cooperativismo e á aplicación da investigación ás producións agrarias, como fórmula para lograr que o valor que se xera ao longo da cadea produtiva repercuta sobre todo nos agricultores, que son a clave do proceso.

A titular de Medio Rural avogou por impulsar unha política de mercado que faga posible “que o produto galego de calidade se pague como merece”. Neste sentido, lembrou que o proceso produtivo ten un custe e que é preciso investir en investigación, no control de enfermidades ou no abono dos terreos, sen esquecer que o agro sempre está pendente das condicións climáticas.