Feijóo visita a adega Señorío de Rubiós

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referíuse á aposta pola diversificación, á apertura a novos mercados e á calidade como os tres camiños fundamentais que fan posible que a Denominación de Orixe Rías Baixas medre ano tras ano.

Durante unha visita á adega Señorío de Rubiós S.L, Feijóo lembrou que nestes últimos anos a evolución das vendas e das exportacións dos viños das Rías Baixas tense incrementado de xeito considerable. Non en van, en oito ano o conxunto de industrias que ampara esta D.O. incrementou as vendas nun 25% e, nese mesmo período, aumentou as exportacións en máis do 50%.

Nesta mesma liña, salientou que as máis de 4.000 hectáreas que abrangue e que traballan máis de 5.700 viticultores e 179 industrias, produciron o pasado ano preto de 22 millóns de quilos de uva, que acadaron un valor económico estimado superior aos 167 millóns de euros. 

No tocante a Señorío de Rubiós, o responsable do Goberno galego destacou que, con arredor de mil cen viticultores, que cultivan unhas mil hectáreas, esta adega soubo tamén afondar nas tres chaves para ser competitivos: a diversificación, “apostando con forza non só polo viño branco senón tamén pola produción de viño tinto e de escumosos”; a apertura a novos mercados, e a calidade, “recoñecida nos numerosos premios que está a recibir nos últimos tempos”.