Manuel Baltar salientou que se trata “dunha festa consagrada que pon en valor un dos produtos senlleiros da nosa gastronomía, pois o pemento é un dos produtos estrela do noso sector agroalimentario”.
O presidente da Deputación de Ourense felicitou ao Concello de Oímbra porque “a festa é o espello de todo o traballo que se fai durante todo o ano”, e engadiu, “a celebración sitúase nun enclave onde se pode ver a harmonía natural da paisaxe coas últimas infraestruturas que o Concello puxo a disposición dos veciños, tanto as piscinas como o pavillón, lugar que nos últimos anos acolle esta festa para a comodidade de todos os asistentes”.
Esta Feira do Pemento é “unha festa completa que non se cingue só á degustación senón tamén á exposición de produtos típicos da provincia. Trátase dun concello que ten un peso específico dentro da Denominación de Orixe vitivinícola de Monterrei e, esta festa fará de Oímbra unha capital gastronómica”, destacou Manuel Baltar.