Desafío Iter Querquennae en Bande

O “Desafío Iter Querquennae” acollerá dúas probas deportivas o vindeiro domingo, 7 de agosto, no Concello de Bande, concretamente a IX edición da Andaina e a II edición do Trail. A presentación desta cita deportiva tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense.

A andaina conta cun percorrido de 19 quilómetros, mentres que o do trail será de 22 quilómetros, aínda que o traxecto de ambas competicións é “moi similar, coa diferenza de que o Trail conta coa dificultade dos cortalumes, pero non supón unha proba extremadamente dura. Os 10 primeiros quilómetros do trail son de dureza media, a partir de aí vén a dureza extrema durante un quilómetro e medio de cortalumes case vertical, e desde aí ata o quilómetro 22, o percorrido permitirá gozar da paisaxe e do entorno”, explicou Jorge Vázquez.

Esta II edición do Trail presenta como novidade que os participantes poidan competir “de maneira individual como por equipos formados por catro persoas cunha muller como mínimo, os cales completarían os 22 quilómetros todos, e posteriormente, sumaríase o tempo dos catro compoñentes do equipo, e o que menos tempo faga sería o gañador. Asemade poderán competir por parellas, que lles permitirá non ter que facer o percorrido enteiro, senón que un deles realizará os 11 primeiros quilómetros, despois pasaríalle o testigo ao seu compañeiro, e este completaría os outros 11 quilómetros.