Castrodeza (Gastrodeza): lendas, castros e gastronomía, xa ten xestor

Castrodeza (Gastrodeza): Lendas, castros e gastronomía está enmarcado no proxecto "Depodeza", cofinanciado nun 70% polos fondos FEDER da Unión Europea, e responde ó impulso de dinamizar economicamente a comarca do Deza, xerando recursos de turismo cultural de calidade relacionados coas culturas históricas que máis pegada deixaron na provincia de Pontevedra. 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do contrato para levar a cabo a xestión integral, durante dous anos, do centro Castrodeza (Gastrodeza): Lendas, castros e gastronomía. Ó concurso público presentáronse catro empresas sendo Espiral Xestión Cultural S.L., que ofertou para dous anos un prezo de 104.097,51 €, a que obtivo a máxima puntuación e se encargará da xestión do centro para convertelo nun espazo de dinamización turístico-cultural no que a cultura castrexa será a protagonista.

Castrodeza está orientado á posta en valor dos recursos endóxenos da comarca mediante o desenvolvemento de actuacións que interveñen, de forma conxunta, sobre aspectos ambientais, sociais e económicos, cohesionando o territorio e promovendo un desenvolvemento equilibrado e sostible.

A través desta adxudicación, a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo que a empresa adxudicataria, Espiral Xestión Cultural S.L, se encargue da xestión integral de Castrodeza, levando a cabo desde as actividades relacionadas coa xestión técnica, económica, social e turística, ata a promoción e difusión, elaboración e edición de contidos informativos, culturais e educativos; promoción de actividades; planificación e organización de visitas ó centro; actuacións de comunicación e marketing; conservación, mantemento, limpeza e vixilancia do centro; visitas guiadas, consigna ou visita libre; obradoiros, etc.