As pesqueiras de Arbo e Crecente como recurso turístico

Turismo de Galicia vai colaborar cos concellos de Arbo e Crecente para mellorar o acondicionamento do entorno fluvial das pesqueiras, un dos principais atractivos turísticos do curso baixo do río Miño. As zonas onde se vai actuar serán a Pesqueira Follagueira e a Pesqueira Raña de Muíños.

Os alcaldes de Crecente e Arbo con Nava Castro
Nestas áreas levarase a cabo unha limpeza, unha retirada de materiais non acordes e unha recuperación total das pesqueiras. Así mesmo, a través o convenio tamén procura a preparación da Pesqueira Follagueira como obrador, a colocación de paneis informativos e aparellos de pesca ademais de acondicionar a mellora da súa accesibilidade.

Estas actuacións incrementarán o atractivo da Ruta da Lamprea, un novo produto turístico diferenciador que dá a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura poñendo en valor ao tempo os principais recursos naturais e culturais de dezaoito municipios galegos.

Así, grazas a esta nova aposta da Xunta de Galicia, mellorarase a accesibilidade e a experiencia do visitante deste recurso turístico ampliando a oferta turística destes territorios e conseguintemente de Galicia e potenciando un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente.

Estas novas actuacións contribuirán a potenciar o valor das pesqueiras que constitúen un exemplo vivo da enxeñería popular e do coñecemento do río e presentan un legado de incalculable valor histórico, pero tamén un elemento vivo e en uso que achega unha dimensión cultural, económica e social a nosa comunidade.