Arranca o festival do Marisquiño

Hoxe comenza a décimo sexta edición do Marisquiño, un dos Festivais Rías Baixas impulsados pola Deputación de Pontevedra para potenciar unha visión moderna, diferente, vangardista e innovadora da provincia. "O Marisquiño xa se converteu nun referente que coloca a Vigo no centro da innovación e da creatividade, no centro do que está pasando no mundo", resaltou a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, no acto de presentación deste evento.

O Marisquiño é o festival que mestura deporte, música, arte; e cultura urbana máis grande do sur de Europa, que pertence á exclusiva elite de eventos "world cup", sendo un dos poucos do mundo con tres probas puntuables para campionatos do mundo, na que xa participan uns 1.500 deportistas, pertencentes a 30 nacionalidades, con algunhas das grandes figuras internacionais do momento.. A organización estima que, durante os tres días de festival, pasen polo evento máis de 120.000 persoas, cun retorno económico de arredor de 12 millóns e medio de euros e cunha repercusión mediática nacional e internacional que se traduce nun alcance de 10 millóns de espectadores e espectadoras.

Nas modalidades deportivas do Marisquiño poderase ver, entre outras, skate, saltos en bicicleta nunca vistos sobre a ría de Vigo, motocross, descensos impresionantes en bicicleta de montaña polas costas da cidade ou flatland (arte de bailar coa bici sobre o chan). Por primeira vez este ano tamén se pon en marcha a "Naval Cervera Cup", unha competición de embarcacións de alta velocidade, e a Feira Bild, na que se presentarán coleccións de moda streetwear de marcas emerxentes e consolidadas. Nas modalidades culturais, musicais e artísticas, as persoas que pasen polo Marisquiño poderán ver os e as mellores breakers do momento, graffiti e concertos espectaculares de grupos e DJs.