Abel Caballero reivindica o convenio do transporte ao aeroporto

Vigo aspira a dispor un servizo de transporte a Peinador similar ao que ten Santiago de Compostela, financiado polo goberno autonómico. Nesta liña este martes Abel Caballero reiterou  á Xunta a necesidade de asinar canto antes o convenio do transporte ao aeroporto que xa acordaron ambas administracións. 

Abel Caballero instou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a asinar "de xeito inmediato" o convenio do transporte ao aeroporto, unha vez pactado o texto entre as dúas administracións. 

En relación a recente petición da responsable autonómica de incluír esa liña no transporte metropolitano, o rexedor amosou a súa disposición a aceptar esta novidade sempre que sexa a Xunta a que asuma o custo desta incorporación. 

Finalmente, Caballero tachou as últimas consideracións públicas da conselleira como desculpas para non asinar un convenio que permitiría a Vigo gozar dun sistema de transporte a Peinador similar ao que funciona en Santiago, tamén financiado polo goberno autonómico.