Ribeira Sacra recibe a acreditación como organismo certificador

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra acaba de recibir, por parte da Entidade Nacional de Acreditación (Enac), a súa acreditación como organismo certificador dos viños desta denominación conforme á Norma ISO 17065. Con esta xa son tres os consellos reguladores vitivinícolas galegos que acadan esta acreditación, pois xa a conseguiron anteriormente os de Rías Baixas e Monterrei, e están traballando para a súa consecución os de Valdeorras e Ribeiro. 

Ademais súmanse tamén a outros consellos reguladores non vitivinícolas que xa a teñen tales como os das IXP Ternera Gallega, IXP Pataca de Galicia, IXP Mel de Galicia e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica. As restantes denominacións de orixe e indicacións xeográficas levan a cabo a certificación dos seus produtos a través do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), ente dependente da Consellería do Medio Rural.